Presentación do libro “Didáctica da Serra do Galiñeiro” de Pablo Casal
O vindeiro xoves 13 de febreiro de 2014 ás 20:30 horas terá lugar a presentación do libro Didáctica da Serra do Galiñeiro, autoría de Pablo Casal Núñez. O acto celebrarase no Centro Cultural da Comunidade de Montes de Vincios (Vincios-Gondomar).
O libro: Segundo o autor, o traballo pretende dar a coñecer as “inmensas posibilidades” que a Serra do Galiñeiro ten cara ao ocio activo e saudable. A obra está especialmente dirixida ao eido educativo, mais reviste gran interese para todas as persoas que desexen coñecer en profundidade os diversos espazos e a riqueza patrimonial localizados neste enclave.
A publicación vén acompañada cun mapa da Serra do Galiñeiro elaborado no ano 2003 polo Servizo de Deportes da Universidade de Vigo.
Autor: Pablo Casal Núñez é licenciado en Educación Física pola Universidade da Coruña. Senderista e corredor de montaña, leva percorrendo dende hai máis de trinta anos diferentes espazos naturais. Colaborador dende o 2003 na organización das carreiras de orientación organizadas pola Universidade de Vigo e no Lago Castiñeiras; así como no “Proxecto Ríos” para os ríos do Miñor, nomeadamente no ámbito do río Zamáns. Membro do Instituto de Estudos Miñaros.
Ten publicado: Educación Física ESO (Bahía Edicións, 1999), Educación Física (Proxecto curricular, ESO-Bacharelato, 1999), o Plano “Rutas Urbanas Saudables” (Concello de Vigo, 2010); así como diversas colaboracións en publicacións especializadas.
Edición: O libro editado polo Instituto de Estudos Miñoranos, coa colaboración da Universidade de Vigo, o Concello de Gondomar e a Comunidade de Montes de Vincios. abre unha nova colección de publicacións baixo título Cadernos Pedagóxicos.
O acto consistirá na presentación da obra por parte do autor, a que será precedida cunha breve intervención de representantes das entidades colaboradoras da edición: Universidade de Vigo, a Comunidade de Montes de Vincios e mais o Alcalde de Gondomar, Fernando Guitián.