Presentación: “Marcelino Gómez Arias. Unha vida dedicada á loita pola República e o Agrarismo”
Este venres 20 de febreiro ás 20:30, preséntase unha obra de investigación histórica da autoría de Perfecto Ramos: Marcelino Gómez Arias. Unha vida dedicada á loita pola República e o Agrarismo (Redelibros,2014). Traballo que rescata do esquecemento a figura singular dun astur-galego emigrante na Arxentina, combatente na guerra civil uruguaia de 1904, protagonista do levantamento republicano de 1905 (A Partida de Crecente), colaborador na revolución republicana portuguesa (1910) e creador dunha granxa en Angudes denominada Tierra Libre así como de ducias de publicacións e xornais nos dous continentes.
A pesar de que todo o seu pensamento, o acontecer diario relativo a situación política española, e toda a súa actividade levada a cabo en América, Portugal e Galicia eran reflectidos día tras día nas súas publicacións; coa súa prematura morte todo caeu no esquecemento total. O seu pasamento chegou cando inda non cumprira os 44 anos, despois dunha persecución sen límite polo caciquismo. Durante a súa curta, pero intensa vida, fundou partidos e organización agrarias,participou na Revolución Uruguaia de 1904, na revolta republicana en Galicia en 1905, na Revolución Republicana Portuguesa de 1910, autor de múltiples obras e artigos sen conta, fundador dos xornais: La España Moderna (Arxentina), La España Moderna e El Clamor Español (Lisboa), Tierra Libre e El Amigo del Pueblo (Galicia); presidente da Sociedad Española de Artistas Notables; fundador, xunto cos mais destacados personaxes da cultura española, da Liga para a Defensa dos Dereitos do Home; impulsor da unidade dos republicanos españois, e unha loita diaria sen cuartel en pro da República, os dereitos dos agrarios e contra do caciquismo.
O libro será presentado polo autor quen estará acompañado polo historiador Carlos Méixome e o xornalista Álvaro Peralta. Será na Aula de Cultura Ponte de Rosas, na Avenida da Feira, 10 – baixo en Gondomar. Entrada libre.