Primeiro centenario de Don Paco del Riego
Un día como hoxe hai tres anos, os amigos de Don Paco del Riego soltabamos 97 pombas mensaxeiras na viguesa praza de Compostela para celebrarmos o que ía ser o seu derradeiro aniversario. Hoxe, sete de xaneiro de 2013, os seus amigos do Val Miñor queremos conmemorar o primeiro centenario do seu nacemento, lembrando o seu labor na xestación da mellor Galicia que necesitamos seguir construíndo.
A súa amizade foi un galano para estas terras miñoranas, que el visitaba nos meses estivais en longas estadías que lle mereceron o recoñecemento de fillo adoptivo de Nigrán.
Sempre como pai xeneroso, deixounos miles de libros repartidos na biblioteca do Instituto de Estudos Miñoranos e na biblioteca municipal de Nigrán; libros que están hoxe a disposición das novas xeracións para alentar a súa conciencia crítica e a construción dun futuro máis noso e fraternal.
Foi a Fundación Penzol o seu mellor centro de acollida por onde pasaban investigadores das máis diversas universidades, editores, periodistas, escritores e curiosos da cultura galega sen distincións de clases nin partidos. Don Paco acollía a todas as siglas porque por riba de todas elas estaba Galicia.
Don Paco del Riego ademais de ser artífice de tanto ben xunto, era mestre de vida e convivencia cos seus amigos, recoñecendo sempre nos máis novos o pulo e dinamismo dos seus variados compromisos sociais, políticos e culturais. Desde o Instituto de Estudo Miñoranos sempre lembraremos o seu agarimoso trato con nós en ágapes, faladoiros e seráns.
Etiqueta:centenario Paco del Riego