Relatorio no Ateneo de Pontevedra arredor do libro: “Poemas da Mariña”, de M.A. Mouriño
O Ateneo de Pontevedra organiza un relatorio arredor do libro autoeditado Poemas da Mariña, de Miguel Anxo Mouriño. O acto terá lugar o vindeiro mércores 5 de novembro, ás 20 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás(rúa de Don Filiberto, 9-11). O autor estará acompañado por Xosé María Álvarez Cáccamo.
Da obra
Di o autor que Poemas da Mariña fala dos sentimentos que “me suscita a miña neta Mariña, adobiado coas miñas reaccións polo feito de ser a primeira neta educada dende o berce en galego. O contido está dividido en catro partes. Na primeira (Azul intenso) falo da voda da nai: consellos, reflexións, alegría, bos desexos… A segunda (Benvida) está ocupada polos sentimentos e esperanzas suscitados polo seu nacemento. Ocupa a terceira parte (Un ano mariñán) unha homenaxe polo seu primeiro aniversario. E, por fin, a cuarta (O Anxo da nosa agarda), un só poema, recolle a benvida ao seu irmán aínda no seo materno.”
Do autor
Miguel Anxo Mouriño. Mestre (xa xubilado) e escritor serodios. Nado en Oubiña (Cambados) en 1943 pero afincado dende neno en Gondomar. Colabora dende hai varios anos co Instituto de Estudos Miñoranos na sección de Lingua e Literatura.