Sancto Salvatorem de Gandari ou Gondomari
Sancto Salvatorem de Gandari ou Gondomari, podería ser un dos primeiros nomes co que foi coñecida a actual vila de Gondomar. O topónimo, rexistrado por primeira vez nun documento oficial do ano 1106 fornecería a teoría onomástica que o vencella a unha antiga forma Gundemari, xenitivo dun nome persoal Gundemaro, “e indica que cada un deses lugares foi posesión ou dominio dun señor así chamado”, segundo o recolle o especialista en toponimia Gonzalo Navaza, no artigo DA ORIXE DO NOME, que abre o recentemente publicado retallos de GONDOMAR DE MIÑOR.
Navaza analiza dende os primeiros intentos no século XVII de Prudencio de Sandoval , bispo de Tui por identificarllo co rei Flavio Gundemaro e o legado suevo, pasando por certas lendas populares, ata o estudo desenvolvido no século XIX por Francisco Ávila y la Cueva que inclínase a pensar que o nome Gondomar ten orixe na prehistoria.
Non desvelaremos aquí as conclusións ás que chega o autor. O traballo de Navaza asemella un breve relato de suspense, que, aínda dende unha mirada científica, atrapa ao lector e convídao a percorrer o texto na procura da resposta.
Este como outros tantos artigos, fotografías e textos literarios forman parte das achegas que sobre a vila de Gondomar contén o libro retallos de GONDOMAR DE MIÑOR, obra da que seguiremos a falar en sucesivas notas.
Etiqueta:retallos de gondomar do miñor