V Serán Á Beira do Mar en Baiona
A música e a danza tradicional tomarán as rúas de Baiona a partir das 18:00 horas deste sábado. Por quinto ano O Ximbaleo Tramallo Cultural, a Asociación Cultural A Seneira e a Escola de Danza Vila de Baiona organizan o tradicional Serán “Á Beira do Mar”.
As actividades comezarán ás 18 horas na praza do Concello cun Monográfico de danza tradicional. O obradoiro será unha iniciación ao baile tradicional, no que se ensinarán os aspectos básicos do mesmo que permitirá aos asistentes participar das coreografías que posteriormente se desenvolverán durante a festa.
Na tardiña, sobre as 20 horas, sairá un pasarrúas cara A Palma, onde grupos folclóricos e todo aquel que queira integrarse cun instrumento ou gañas de cantar, participarán dunha festa musical até entrada a noite.
A organización ofrecerá comida e bebida e, de madrugada, obsequiará aos asistentes cunha chocolatada.
Etiqueta:serán baiona