III Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns
O Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns convocan o III Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns ao que poderá concorrer calquera autor que envíe, antes do 30 de xullo próximo, ao enderezo *Apartado 30, 36380, Gondomar*, un libro de poemas escritos en galego cunha extensión mínima de 300 versos. O premio está dotado con 3.000 €, unha peza escultórica do artista miñorán Fino Lorenzo, creada especialmente para este certame, e a publicación da obra premiada na colección Victoriano Taibo do IEM; o galardón será entregado nun acto cultural que se celebrará no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro.
A primeira edición acadou un grande éxito de participación e de calidade. Entre un total de 45 participantes, 10 mereceron ser finalistas e, finalmente, Carlos Negro foi o gañador co poemario /Cultivos Transxénicos,/ moi ben acollido pola crítica.
A segunda edición compartiu as mesmas características de éxito, pois participaron 45 obras e as premiadas tiveron moi boa acollida pola crítica, e a calidade foi tal que obrigou ao xurado a conceder o premio ex aequo aos poemarios /Cuarto Minguante/, do que era autora Mª Carmen Caramés, e /Biografía da Multitude/, que resultou estar creado a dúas mans por Elvira Riveiro e Silvia Penas.
Victoriano Taibo foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural e foi membro da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Publicou en vida os poemarios /Abrente/ (1922) e /Da vella roseira/ (1925) e a obra narrativa /Da agra aberta, contos e lêndas/ (1956); deixou inéditos dous volumes de poesía, /Abicedo/ e /Cabrinfollas/, que foron publicados en 2008 por Follas Novas, edición dirixida por Armando Requeixo; ademais conta con abundante obra espallada en diversas publicacións tanto galegas como da emigración americana. O ano pasado recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo reeditou /Da agra aberta/ e publicou unha /Revista monográfica/ sobre o personaxe que recolle interesantes aspectos da súa vida e obra.
Máis informacion no blog http://www.blogoteca.com/
Etiqueta:taibo 2010