Rematou o prazo para III Premio Victoriano Taibo- Entidade Local de Morgadáns
Rematou o prazo para a entrega de orixinais no III Premio Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns. Co mesmo éxito que nas pasadas edicións rematou a recepción de orixinais para o III Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns. O xurado reuniuse para recoller os traballos presentados, nun total de corenta e tres obras, cifra similar á da primeira e segunda convocatoria. O fallo farase público nos primeiros días de setembro, en data que se anunciará nesta páxina e nos medios de comunicación.
O premio está dotado con 3.000 €, unha peza escultórica do artista miñorán Fino Lorenzo, creada especialmente para este certame, e a publicación da obra premiada na colección Victoriano Taibo do IEM; o galardón será entregado nun acto cultural que se celebrará no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro.
Na primeira convocatoria resultou gañadora o poemario Cultivos Transxénicos de Carlos Negro. Mentres que na segunda edición o xurado acordou conceder o premio ex aequo aos poemarios Cuarto Minguante, do que é autora Mª Carmen Caramés, e Biografía da Multitude, que resultou estar creado a dúas mans por Elvira Riveiro e Silvia Penas.
Das corenta e tres obras presentadas quedou eliminada a denominada Conversa por non aterse ás bases do premio. Así mesmo o orixinal presentado baixo o título Só tres veces e baixo o lema Máis que nunca chegou sen plica, polo que a persoa autora deste texto tería que enviar o antes posible a plica correspondente.
Pódese seguir tamén as novas a través do blog do Certame Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns.
Etiqueta:III certamen poesía victoriano taibo