Exposición de pintura de Manuel Izquierdo
O próximo venres 22 de xaneiro ás 20:30h. será inaugurada, na Aula de Cultura “Ponte de Rosas” (avda. do Conde 10, baixo, Gondomar), a exposición do pintor MANUEL IZQUIERDO baixo o rótulo “CONSTRUCIÓN E VARIACIÓNS”
Na Aula de Cultura Ponte de Rosas, actual sede do Instituto de Estudos Miñoranos, (IEM), estreamos ano e, polo tanto, nova programación. Aínda sensibles, tralas datas que nos deixan, a certa noción repetitiva e circular do tempo, e recuperándonos dunha abusiva exaltación das emocións, sentimentos e aparencias, atopamos pracenteiro e especialmente pertinente presentar a obra singular de Manuel Izquierdo, un rara avis no panorama plástico contemporáneo.
Dúas décadas leva Manolo Izquierdo sorprendéndonos coa súa núa e concisa sistematización, contándonos cousas dende un básico e sinxelo alfabeto. Unha caixa de madeira, construída con pulcritude, unha superficie pigmentada cunha textura mate e aveludada, uns cuadriláteros brancos e un fondo negro. É posible construír unha obra con tan poucos elementos?, é necesario algo máis para comunicar?, cales son os límites da narración, de referirse a algo, de falar sobre calquera cousa?
Ante un artista que atopou a súa propia síntese e a coloniza palmo a palmo, creando, ano tras ano, sutís variacións cunha cantidade moi reducida de elementos, cabe preguntarse, pode o carácter humano construír, pois diso se trata, unha serie aparentemente infinita de posibilidades e desenvolvementos? Pensemos que escasos xenes nos separan da mosca do vinagre, é dicir, que compartimos case todo co resto dos seres vivos. Só somos, polo tanto, o humilde produto dunha rara combinación.
Dende ese punto de vista podemos interpretar o carácter arqueolóxico do seu traballo, o seu xeito de tender pontes cara a unha xeometría primixenia, de buscar unha gestalt orixinal. As series de Manolo Izquierdo ilustrarían perfectamente un texto de Borges. Ante as súas construcións envólvenos a aprehensión de non velo todo, de que é moito máis importante o que nos conta entre liñas, que o que non nos mostra. A obra resulta ser tan só un vehículo, un médium que nos enfronta ao paradoxo segundo a cal, cóntase máis canto menos se di.
Só queda convidarvos a gozar da súa escritura serena e concisa, da intensa presenza que emana das súas sobrias iconas, resultado dun duro xogo, seriamente xogado na soidade do obradoiro. Gocemos, pois, de estas concisas e silenciosas metáforas que Manuel Izquierdo, dende hoxe, comparte xenerosamente connosco.
Etiqueta:manuel izquierdo