Unha das curiosidades do período da II República en Baiona é a importancia que tiveron, entre os dirixentes políticos e sindicais das esquerdas e, tras a sublevación militar, defensores da legalidade democrática, tres parellas de irmáns: os Ineses, Luís e Pepe; os Villafines, Agustín e Pepe, e os Mandado Marcote, Joaquín e Francisco. Os dous primeiros matados en Sabarís o 13 de outubro de 1936; os Villafines, ao igual que Joaquín Mandado Marcote, encartados e condenados na causa 138/1936, que poderíamos denominar como a causa xeral contra Baiona.
Contra o irmán deste último, Francisco, instruíuse causa propia, a 917/1936, que quedou sobresida o 19 de novembro de 1936. En todo caso Francisco Mandado Marcote estivo preso dende o 8 de agosto, data na que foi detido polo impresentable, pero sempre presente, Cabo Pena ata, que saibamos, a data de sobresemento. Primeiro no deposito municipal de Baiona e despois no cárcere de Vigo.