“Na casa a veces comentáronme algo, mais coido que pasou fai moito tempo”. ” Non me creo que castigaran a xente por pertencer a outro partido político”. ” Eu nunca souben tal cousa”. Estes son algúns dos comentarios que alumnos do IES Ricardo Mella fixeron aos profesores ao contemplar a mostra “Atopados”, que dende principios de novembro está exposta no devandito centro.
Composta de 11 ploters explicativos, “Atopados” informa da investigación histórica, a escavación arqueolóxica e a identificación anatómico-forense e xenética dos cadáveres exhumados nas dúas fosas de San Xián, O Rosal, en abril de 2009 polo IEM en colaboración coa Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Santiago.