Calquera afeccionado/a ouviu falar desta choiva de verán. As Perseidas son tamén coñecidas co nome de Bágoas de San Lourenzo, porque o 10 de agosto é o día deste santo. Na Idade Media e o Renacemento as Perseidas tiñan lugar a noite en que era lembrado, de tal maneira que se asociaron coas bágoas que verteu San Lourenzo ao ser queimado na fogueira, concretamente nunha grella.
O vindeiro venres 10 de agosto terá lugar un dos fenómenos astronómicos que maior atención esperta a nivel popular e mediático: a choiva de meteoritos coñecida como As Perseidas. Para a tradición popular, trátanse das Bágoas de San Lourenzo, en relación ao martirio sufrido polo diácono Laurientius queimado nunha fogueira no ano 268 por orde do emperador romano Valeriano. O noso compañeiro Gustavo Sanromán, membro do IEM e da Agrupación Astronómica Rías Baixas, elaborou un material informativo que compartimos , cara a un maior goce e compresión deste acontecemento astronómico que viviremos xuntos na Xeira “Noite de estrelas e lobos” este venres 10 de agosto na Serra da Groba.