No día en que se cumpren 150 anos da publicación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, o Coro Tradicional Cantares do Brión estreará Has de cantar, poema que integra a devandita obra. A peza foi composta polo director do coro, Pablo Rial Salgueiro, con motivo deste aniversario. A composición, musicada a partir das primeiras estrofas do poemario, formará parte do programa do Concerto das Letras Galegas, que homenaxea ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, a celebrarse este sábado 18 de maio no auditorio do Centro Cultural de Vincios (Gondomar), a partir das 21 horas.
O Coro Tradicional Cantares do Brión actuará na clausura do Congreso Valentín Paz Andrade, organizado pola Real Academia Galega, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra. O mesmo terá lugar este sábado 15 de decembro ás 13:30 horas no Pazo de Congresos de Pontevedra.
O sábado 21 de xaneiro, a partir das 20:30h, no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar, celébrase o evento «CANTARES NO MIÑOR. I Encontro de Coros Tradicionais». No acto participarán a Agrupación Folclórica CANTIGAS E AGARIMOS, de Santiago de Compostela, e o Coro Tradicional CANTARES DO BRIÓN, do Centro Cultural de Vincios (Gondomar), que é a entidade organizadora. O acto será presentado por Xilberte Manso de la Torre, profesor do Instituto ProVal e membro destacado do Instituto de Estudos Miñoranos.
O pasado sábado día 22, ás oito do serán, adiantouse a primavera en Vincios. Un rumoroso son de ledicia encheu o Centro Cultural de Vincios para dar a benvida a un novo coro tradicional no noso país, e como un refacho de esperanza e arrecendo a primavera, sesenta mulleres e homes procedentes de Vincios e todo o Val Miñor, O Condado, Pontevedra, Vigo e outros lugares do sur das Rías Baixas, encheron o fol dos seus peitos para guindar ao ar as primeiras notas oficiais como Coro Tradicional Cantares do Brión.