Non queda xa moito espazo para verdades canónicas. Sospeito que hai, aínda, moito infinito, na nosa ollada máis ou menos benevolente. Flaubert, pola boca da súa personaxe Bouvard, dicía que os argumentos da ciencia artéllanse cos datos aportados por unha mínima parte do todo, sen coincidir, posiblemente, co resto que aínda ignoramos, moito maior e aínda por descubrir. Desa indiscutible premisa, Flaubert derivaba, loxicamente, que a verdade de hoxe é o erro de mañá, que todo é incerto e variable, contendo, en proporcións descoñecidas, tanta verdade como falsidade. De ai que, fronte ese baleiro existencial que vai da man dun coñecemento contemporáneo sempre precario, opoñamos esa feble e insegura ollada que ven a ser o fundamento da razón individual e autónoma. Se cadra, o sensentido xeral ven a ser a suma dos sentidos particulares e non a súa ausencia. Aínda así, neste tempo saturado de redundantes obxectos, de esquivos xogos de espellos, de presuntas funcións e necesidades, de obsolescencias impostadas, de chambonadas máis ou menos ocorrentes e gratuítas, non deberíamos esquecer aquel esprit de finesse que Pascal prefería ao frío esprit de géométrie, ríxida e mecánica inercia que, desprazando todo interese polos fins, concéntrase única e exclusivamente nos medios.