En Galicia xa “non se sabe tocar as campás” e tampouco “se entenden” , reflexionou Xosé Luis Barreiro Rivas, director autonómico da Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) na conferencia inaugural do curso “Dende o badal ao clic”, que estase a desenvolver ata o vindeiro sábado en Gondomar. “Sucede que a sociedade xa non o necesita”, engadiu. A intervención de Barreiro Rivas centrouse na crise do modelo rural tradicional e os seus imaxinarios sociais até o baleiro de estratexias alternativas na que se atopa, ao seu entender, o país nestes intres.
O acto inaugural desenvolvido na Aula de Cultura Ponte de Rosas (sede do IEM), contou tamén coa presenza da deputada provincial Marta Iglesias, quen felicitou á organización polos máis do medio centenar de persoas chegadas de toda Galicia, que responderon ao convite e matriculáronse no curso. Nese senso, informou que a colaboración entre Deputación de Pontevedra e a UIMP -de máis de 20 anos- aposta agora pola descentralización e puxo como exemplos as actividades desenvolvidas este ano en Pontevedra, Vigo, Cambados, Forcarei e esta en Gondomar.
Pola súa banda, José Eladio Ferrero Fontenla, director do curso, agradeceu a UIMP a confianza depositada no IEM para que o Val Miñor conte novamente cuns dos cursos desta prestixiosa institución. Logo de dar a benvida aos participantes, lembrou que o tema que motiva este encontro, naceu nunha conversa sostida con Barreiro Rivas no ano 2009, logo de rematar os cursos sobre arqueoloxía da UIMP, desenvolvidos nesta mesma sede. Daquela, as visibles transformacións que estaba a vivir a Galicia rural e periurbana, levounos a madurar esta iniciativa que concretase nestas xornadas.