Continúan as Xeiras 2015 que organiza o Instituto de Estudos Miñoranos. Esta venres 14 de agosto, coa colaboración da Agrupación Astronómica Rías Baixas, para unha “Noite de estrelas e lobos” na Chan da Lagoa na Serra da Groba (Baiona). O punto de encontro será no merendeiro de Chan da Lagoa ás 20 horas. Non é necesaria a inscrición previa.
Imos botar as últimas horas da tarde e as primeiras da noite polos cumios da Serra da Groba, unha das principais barreiras orográficas máis altas de Galicia á beira do mar. Faremos paradas en tres sitios distintos. Dende A Poza Negra camiñaremos cara A Chan da Gabiñeira e dende O Alto do Campo de Lobo miraremos A Boca da Groba onde falaremos de hidronimia e lindeiros administrativos.