Co retiro dos restos exhumados polo equipo arqueolóxico do IEM, dirixido por Xosé Lois Vilar, pechouse a fosa común no cemiterio de San Pedro de Grandal (Vilarmaior) na tarde deste martes 18 de outubro. Aos dous cadáveres atopados na xornada do venres 15, sumáronse os restos doutras tres persoas, todos eles pendentes de identificar por parte das unidades forenses. Xunto cos restos, foron atopados unha moeda, unha medalla, un chisqueiro, un calzado, minas de grafito, e unha folla escrita que poden ser de utilidade na seguinte fase de identificación dos corpos.