Nesa marabillosa recompilación do mundo antigo que é a súa Historia Natural, Plinio O Vello situaba a orixe do debuxo e a pintura na feble liña de carbón coa que a muller namorada garda-la ausencia do amado, perfilando a súa sombra sobre o muro de cal. Así, insistindo na densidade dos xestos simples ou tolos, na riqueza que as veces se desprende da sinxeleza de concepto e execución, a lenda salienta o feito de observar, seleccionar e recortar pequenas manifestacións de sentido. Unha poética achega á natureza das artes plásticas e visuais que resulta dun sinxelo calco, trazado sen pretensións, que configura unha imaxe referencial, sempre secundaria, que remite e precisa do obxecto orixinal.