Todo o país está cheo de foxos e cortellos para cazar o lobo. A magnitude das obras que hoxe podemos aínda observar, na maioría dos casos, en moi mal estado de conservación, ofrécenos unha información da salientable importancia que tiña a acción do lobo sobre a cabana gandeira. A falla de armas de fogo, a astucia e as lendas, unhas veces baseadas en feitos reais e outras inventadas, fixeron do lobo un inimigo a bater utilizando trampas e enxeños dun gran custo construtivo pero dunha grande utilidade e efectividade.