Coñecía a poética do lucense de Sober Ramón Sandoval (1961) mercé ao galardón que obtivera no 2012 pola escolma versal “Cicatrices do insomnio” no I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo, un conxunto no que amosaba a súa innata capacidade para sorprender a través da emoción pola palabra. Souben, ledamente, que no pasado setembro vira recoñecido o seu talento ao ser galardoado no VI Certame de Poesía Victoriano Taibo que convocan, conxuntamente, a Entidade Local de Morgadáns e mais o Instituto de Estudos Miñoranos.
O volume co que alcanzou tal premio leva por título Territorios estraños e resulta un atractivo compendio entre a lírica do cotián e a poética do amoroso partillado en tres amplas seccións de suxestivo nome: “Interferencias”, “De amores e ausencias” e mais “Principios de incerteza”.
Cunha edición limitada, Territorios estraños, o poemario de Ramón Sandoval, gañador do VI Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns xa se atopa á venta na sede do IEM (Avda. da Feira, 10 baixo, Gondomar), a un prezo de 10 euros o exemplar. O libro tamén pode solicitarse a través do correo oficina@minhor.org ou polo teléfono 986 360 575.