Comezamos unha nova etapa presentando unha actividade que esperamos sexa do agrado dos socios e amigos do IEM. Alén Miñor móstrase coma unha variante das exitosas “Xeiras”, tentando combinar cultura e viaxe con espazos de convivencia. O responsable e coordinador desta nova actividade é Pablo Casal, membro do IEM. A primeira proposta cremos que ten unha compoñente moi especial, xa que está relacionada directamente coa historia de Gondomar e o Val Miñor. Renderemos homenaxe á figura do persoeiro máis relevante da bisbarra, Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar.
A súa sona traspasou as fronteiras do imperio dos Austrias, chegando a diversos lugares do continente, sobre todo como figura política e diplomática da época. Era, ademais, un intelectual. Posuía unha cultura vasta, pouco usual para a época na que viviu, e como bibliófilo reuniu unha biblioteca persoal das más importantes do seu tempo. Nesta xeira visitaremos algúns dos lugares onde viviu, traballou e pasou parte da vida.