Realidade e perspectivas do sector do viño analizadas polo adegueiro Xosé María Fonseca Moretón.
-Inclúe vídeo completo do faladoiro.
A crise económica impón principalmente dous desafíos ao sector do viño galego: soster a cobertura dos custes de produción e a súa calidade. Esa foi a primeira reflexión do adegueiro Xosé María Fonseca Moretón no faladoiro que sobre a realidade e perspectivas deste sector mantivo na Aula de Cultura Ponte de Rosas. O relator tamén deixou outros problemas a enfrontar no marco da actual economía global, por unha banda a necesidade de mellorar os coñecementos científicos e as infraestruturas tecnolóxicas implicadas no sector; así como unha necesaria ampliación dos mercados que permitan a sostenibilidade da produción.
Non escapou ás reflexións do esperto a importancia social do sector vitivinícola, xa que aínda permite a moitas persoas do sector rural contar cun ingreso importante na súa economía familiar, cando non vivir do seu labor nos viñedos. Neste eido, fixo mención ao importante papel que están a desenvolver as organizacións cooperativas no melloramento da produción e a eficiencia na administración dos recursos.
Outro elemento no que afondou Fonseca Moretón, foi na conformación dos consellos de regulación das denominación de orixe, así como algunhas das políticas que se están a desenvolver en materia de catas. Nomeadamente, expresou a súa desconformidade co feito que dos 20 membros do consello, 9 deles respondan a sindicatos agrarios que no responden ao sector. Por riba, denunciou que a esta entidade os distintos partidos políticos que accederon ao goberno autonómico “quixeron controlalo”. Finalmente, opinou que o actual prezo da uva “é máis político que real” así como que “hai viños sen calidade que pasan as catas por razoes políticas”.
Para todos aqueles interesados no tema compartimos o faladoiro completo desenvolvido o pasado venres 14 de decembro de 2012, no marco das TERTULIAS do IEM.
{youtube}jpzDlfGYvrc{/youtube}