Faladoiros do IEM: Presenza das mulleres- “Da motricidade humana ao paradigma vida” Uxía Trigo Aza. Venres 17 de novembro ás 20:00h.
O vindeiro venres 17 de novembro ás 20:00h, o Instituto de Estudos Miñoráns dará comezo a un ciclo de faladoiros que terá como fío condutor a presenza da muller na sociedade. O acto terá lugar na sede do IEM, na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda da Feira 10 baixo.
Eugenia Trigo Aza, escritora, doutora en Filosofía e Ciencias da Educación pola UNED (1989) e doutora en Educación Física pola UDC (1999). Galega de nacemento, viaxeira e cidadá do mundo participará con nós tratando o tema ‘Da motricidade humana ao paradigma vida”. Presenta Adela Mirás Calvo do IES Val Miñor de Nigrán.
“Con este faladoiro pretendo amosar o camiño da vida que me levou a esculcar en diversas áreas do coñecemento e vivir en distintos contextos socio-culturais, para instaurarme actualmente nunha investigación que nos permita progresar no ser corpóreo como cidadáns do mundo e do universo.
Un transcorrer que principiou nas aulas de educación física nos anos 70, proseguiu coa formación de mestres en diversas áreas e universidades europeas e latinoamericanas e derivou, na actualidade, en procesos de investigacións que me permiten ver e estar no mundo dende outras ópticas paradigmáticas.“