Historias que nacen do mar
Un cura que a puro olfacto podían distinguir os corpos de náufragos fieis ou herexes; o roubo dun mascarón de proa coa talla dunha muller núa que rematou nunha igrexa como a Virxe do Carme; estas foron algunhas das historias que compartiu Quico Cadaval, durante a II Xeira Marítima do IEM, celebrada o pasado 20 de agosto.
A navegación pola costa do Val Miñor debeu comezar unha hora despois do previsto por mor dun cambio de barco trala inscrición de máis de cen persoas das previstas orixinalmente. Polo cal boa parte do percorrido transcorreu xa case sen luz. As explicacións da toponimia e talasonimia da ribeira da Ría de Baiona deberon mudar ao pouco de comezar, polas historias de naufraxios que Xosé Lois Vilar (IEM) e Quico Cadaval comezaron a relatar no marco dunha fermosa noitiña.
Quedamos con gañas de máis. Máis prazas para poder ter acollidos a moitos amigos que quedaron no peirao sen poder participar. De máis luz para gozar das vistas únicas que ofrece o litoral da bisbarra. De máis tempo para gozar desas historias que aínda que baseadas en feitos reais, soaban a lendas nos beixos de Xosé Lois e Quico.
As dúas Xeiras Marítimas desta tempada recibiron a medio millar de participantes. Amigas e amigos aos que agradecemos o seu apoio. Tamén a súa comprensión por algún contratempo organizativo. Atrancos que sen dúbida nos axudarán a mellorar cara ás próximas tempadas. Atrancos que nembargante non minguaron o goce desta experiencia.
{youtube}NJbHqoXQLF4{/youtube}
Etiqueta:Xeiras 2013