Un centenar de persoas participaron da Xeira polos pazos de Cea e a Torre d’A Touza.
Un centenar de persoas participou na segunda Xeira do IEM da tempada 2012 e primeira no Val Miñor que visitou os pazos de Cea e a Torre d’A Touza no Concello de Nigrán. Logo dunha breve introdución sobre a historia do xurdimento destas casas da baixa nobreza rural galega, feita polo guía da Xeira, o arquitecto Antonio Soliño Troncoso (IEM), trasladámonos dende o Torreiro d’As Angustias até o primeiro destino: o Pazo de Cea.
{youtube}tBE-8M8ctRM{/youtube}
O Pazo de Cea
As portas do pazo, contemplouse a vella fachada da porta principal. Segundo comentounos Soliño, non se coñece con certeza a orixe do pazo, nin o nome do seu fundador. Nembargante, sábese que a finais do século XVI era abade da parroquia de Nigrán D. Juan de Cea, Colexial de Fonseca, en Santiago, existindo actualmente tendencia a consideralo como fundador e primeiro propietario.
Actualmente o pazo é propiedade dunha sociedade que tras rehabilitalo e acondicionalo desempeña usos de hostalaría e hospedaxe.
A continuación, visitouse o conxunto edificado, composto pola casa principal, capela, hórreo, pombal, fontes, adega e outras construcións secundarias, emprázase nun gran terreo amurallado e socalcado, posuidor de magníficos exemplares arbóreos, situado no barrio de Grolos, dentro dos límites da freguesía de San Fiz de Nigrán.
Lamentablemente, comentounos Antonio Soliño, descoñecendo nós, a día de hoxe, a autoría e nome dos mestres canteiros que interviñeron nas diferentes fases da construción.
O Pazo da Torre d’A Touza.
Volta a pé ao Torreiro d’As Angustias para cos coches dirixirnos en caravana cara ao Pazo da Torre d’A Touza. Alí Antonio Soliño contounos que o terreo no que se construíu este pazo era no século XV do Cabido de Tui, aforándolla este, en 1568, ao fidalgo escudeiro Vasco de Godoy, quen, en 1613, llos doa ao seu sobriño Gregorio Vázquez Ozores, capitán en Flandres, a condición de que sanee os seus bens que estaban tomados por créditos ao Cabido.
Gregorio Vázquez realizará notables reformas na casona, existente xa a principios do XVII sen que se coñeza dende cando, aínda que seguramente a partir do XV, e construirá a torre. Tamén fundará morgado sobre a casa e outros bens. O seu fillo e herdeiro, Francisco Vázquez, aos 15 anos de idade, casará con Isabel Pereira de Castro, neta de Gregorio de Castro y Oya, xa citado ao comentar o Pazo de Cea, e establecerá residencia na Touza. Esta liñaxe entroncou, por casamento, co Pazo de Cea na primeira metade do século XVIII.
O pazo sitúase na parroquia de Santa Olaia de Camos. As terras, cortadas pola estrada que dende Panxón se dirixe a Vincios e pola que, dende esta, sobe á parroquia, uns 41000 m2, xa non pertencen ao pazo, conservando este uns 25000 m2, aproximadamente, cercados por muro de cachotaría de granito. No lenzo sur deste peche, dando fronte á estrada de Panxón a Vincios, sitúase o portalón principal de entrada, que orixinariamente estaba emprazado, dende 1651, ano en que foi construído segundo di observou Espinosa Rodríguez nunha inscrición existente nel, dando fronte ao antigo camiño que corre paralelo ao lenzo norte; xusto debaixo do vello e fermoso piñeiro manso, dando fronte á escalinata e patín principal de acceso á casa.
Na actualidade o pazo tamén dedícase a actividades
de hostalaría e turismo rural.
A Xeira que vén
A próxima Xeira terá lugar polos Montes de Couso. Contaremos coa guía de Carlos Méixome e
Xosé Ramón García. Terá lugar o vindeiro mércores, 11 de xullo ás 18 horas. Saída do local do IEM na Avenida da Feira Nº10, baixo, en Gondomar.
Etiqueta:xeiras 2012