Unha mirada nocturna da estación de arte rupestre “As Portaxes” (Tebra – Tomiño)
Compartimos estas imaxes nocturnas dos petróglifos da estación As Portaxes, unha das máis importantes do Monte Tetón (Tomiño), así como do conxunto da arte rupestre galega. As mesmas foron tomadas polo noso compañeiro Bruno Centelles durante a Xeira do IEM co organizada co Concello de Tomiño, na que participaron máis de 70 persoas o pasado venres 24 de agosto. Previo ao percorrido polo monte de Tebra (onde se atopa a estación arqueolóxica do Monte Tetón), o arqueólogo Xosé Lois Vilar impartiu un coloquio sobre “Escenas de caza na arte rupestre galega” na Casa Consistorial de Tomiño.
Unha vez no monte, os visitantes participaron dun percorrido pola estación As Portaxes, onde ademais dunha descrición do patrimonio arqueolóxico que agocha o enclave, foron informados da riqueza toponímica da zona, as principais características e datos recollidos sobre a estación, así como unha contextualización da arte rupestre observada.
O vindeiro venres 14 de setembro terá lugar a última das visitas nocturnas ao Monte Tetón, previstas no calendario de verán. A mesma se iniciará ás 22 horas no Concello de Tomiño e contará unha vez máis coa guía de Xosé Lois Vilar.










Etiqueta:xeiras 2012