6ª Xeira Alén Miñor – Oporto, arquitectura contemporánea nun tecido patrimonio da humanidade, os días 11 e 12 de xuño
Amigas e amigos do IEM:
É intención desta xeira poñer de relevo algúns dos valores da arquitectura contemporánea; quizais, tentar sensibilizar nas características, recursos e paradigmas utilizados por algúns dos arquitectos actualmente máis influentes do mundo a un colectivo non vinculado directamente con este oficio, para, dese xeito, ademais do goce inmediato que tales encontros poidan xerar, facerse cun minúsculo catálogo de criterios que permitan mirar con novos ollos ámbitos cotiáns, territorios coñecidos.
Para iso, visitaremos obras de Fernando Távora, iniciador da arquitectura do Movemento Moderno en Portugal e primeiro expoñente dun novidoso xeito de facer nesta arte coñecido como “Escola de Porto”. Tamén obras dos grandes mestres Álvaro Siza Vieira, Eduardo Souto de Moura e Rem Koolhaas. Algunha destas pezas foi declarada Monumento Nacional en vida do arquitecto.
Álvaro Siza e Souto de Moura son portugueses. Ambos os dous obtiveron o Pritzker, máximo galardón desta bela arte. Son os máximos expoñentes da “Escola de Porto”.
Koolhaas é holandés. Antes de traballar como arquitecto fíxoo como xornalista e guionista. Tamén recibiu o premio citado para os casos anteriores, non obstante desenvolve unha arquitectura formalmente moi diferente á defendida pola Escola de Porto. A Casa da Música leva a súa sinatura.
Pero ademais de arquitectura contemporánea, visitaremos:
-Espazos verdes catalogados como, por exemplo, o Parque da Conceição (Matosinhos) e Serralves (O Porto). Este último son os xardíns de Art Decó máis importantes de Portugal, os cales, a maiores, integran o edificio de maior interese do país no estilo citado.
-Obras do románico de transición/gótico, como a catedral.
-Pezas do barroco, proxectadas polo arquitecto Nasoni, como a igrexa/torre dos Clérigos. A máis alta de Portugal.
-Emblemáticos espazos urbanos, como a Avenida dos Aliados, a Praza da Liberdade e a Praza da Ribeira.
-Míticos cafés de principio do século XX, como A Brasileira (en reformas) ou o Magestic.
-Fantasías arquitectónicas repletas de libros e de soños como Lello e Irmão.
-Un histórico e recoñecido restaurante que, entre outros, frecuentaba o cineasta Manoel de Oliveira, no que cearemos.
-Adega Ferreira, en Vila Nova de Gaia. Unha das máis atractivas adegas dun viño único no mundo: Porto. Con degustación incluída.
-Rúas e pontes históricas, barrios esculpidos polo tempo, rabelos sobre o Douro, paisaxes e vistas conmovedoras,…
Todo o mencionado e máis cousas, durante dúas xornadas, nunha cidade declarada Patrimonio da Humanidade; nun conglomerado urbano que é cabeza dunha área habitada por 2.700.000 persoas.
Guía: Antonio Soliño Troncoso, arquitecto.
OUTROS DATOS DA XEIRA.
DATAS: 11 E 12 de Xuño
HORARIO APROXIMADO:
SAÍDA: 8.00 horas da explanada do pavillón de deportes de Gondomar
CHEGADA: 21.30 horas no mesmo lugar.
PREZOS: 112 euros SOCIOS, 127 euros NON SOCIOS
PRAZAS: 55
INSCRIPCIÓN: Ata o 12 de Maio. Farémolas por orde de chegada.
Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164
Pódese abonar en metálico na oficina do IEM, de luns a venres de 18.00 a 21.00
Teléfono IEM: 986 36 05 75
Pregamos notifiquen por correo electrónico os nomes das persoas que abonen a inscrición, e o seu DNI, no caso de que nunca fixeran unha xeira co IEM.
A xeira inclúe todas as visitas programadas, autobús, seguro, a cea do sábado, unha noite no hotel Star Inn e o almorzo do domingo. Non se inclúen os xantares. As habitacións son dobres.
Responsable da sección e coordinador: Pablo Casal (Telf. 627 27 68 16)