Aclaración do profesor Ángel Carracedo.
O profesor Ángel Carracedo fainos chegar esta carta para aclarar unha nova aparecida estes días pasados en diversos medios de comunicación. O profesor Carracedo ademáis de participar nunha das Tertulias do IEM dirixiu a identificación xenética dos veciños do Miñor soterrados nas fosas de San Xián.
Os celtas
Hoxe ao ler “O Correo” ao almorzo case me da o infarto ao verme en portada cun titular dicindo que os galegos somos os celtas mais antigos de Europa. Eu que nin tan sequera teño claro quen eran os celtas.
O mais abraiante foi que eu non falei con ninguén, nin ninguén me entrevistou e aparecen declaracións miñas que ademais de disparatadas eu nunca dixen. A razón de todo isto é que mañá teño que inaugurar un congreso en Narón onde me atrevín a ir para falar dos movementos de poboación en Europa a luz da xenética, precisamente para o contrario do que se desprende das miñas supostas declaracións, e dicir para desmitificar o que a xenética pode aportar na controversia do celtismo en Galicia.
A xenética de poboacións fala de movementos de individuos non de culturas e pobos. Pode ser unha ferramenta auxiliar de utilidade a historia sempre que sexa ben utilizado, que xa empezo ter a miñas dúbidas de que o vaia a ser.
Pero os pobos e as culturas son outra cousa nas que na xenética non pode entrar. Eu pouco sei de xenética pero nada dos celtas e simplemente polo que leo e aprendo do que outros falan dáme a impresión de que si que existiron unhas linguas celtas, algunhas das cales falábanse polo menos en áreas da nosa terra a chegada dos romanos, pero a partir de aquí eu aínda estou no grupo dos escépticos, sempre aberto a ser convencido do contrario por suposto, pero dáme a impresión de que vai ser unha polémica infinita polo que define a un pobo e o sentimento de pobo dos seus integrantes, e non podemos voltar ao pasado para preguntarlles si é que se sentían celtas os que de aquela vivían aquí ou non.
A xenética aínda con moitas limitacións cando as poboacións son moi próximas pode falar de migracións, particularmente mediante o uso de marcadores do cromosoma Y e do ADN mitocondrial que falan das liñas paterna e materna pero non pode dicir cal era a cultura ou a fala das persoas que levaban eses liñaxes. Mentres preparo con poucas forzas xa a conferencia de mañá dúas reflexións, a primeira que non vale todo para promocionar un congreso, e a segunda que o periodismo ten que ser un pouco mais serio, como mínimo contrastar as noticias e nunca poñer en boca de outros cousas que nin dixeron nin pensan.
Ángel Carracedo
Etiqueta:ángel carracedo, os celtas